O cómico estrela da televisión americana Stephen Colbert será o produtor executivo dunha série que adaptará para a pequena pantalla a clásica franquía de novelas de fantasía do escritor Roger Zelazny The Chronicles of Amber.
A saga, composta por dez tomos, vendeu mais de dez millóns de cópias en todo o mundo a partir da súa primeira publicación en 1970, e foi xa trasladada a outros médios coma o cómic, xogos de rol e videoxogos. As cinco primeiras novelas narran as aventuras de Corwin, quen esperta dun coma na Terra con amnésia, pero descubre axiña que é o príncipe dunha família real que ten a habilidade de viaxar a través de infinitas dimensións da realidade, e que governa o único mundo que é verdadeiro, Amber.
A história conta entre os seus maiores fans ao autor de Game of Thrones, George R.R. Martin, quen ven reclamando dende hai anos a súa adaptación para a tele. Nombergantes, e mália o seu interese pola propriedade, Martin non está vencellado a este proxecto.
Spartina, a empresa de produción de Colbert, asociará-se coa Skybound Entertainment e coa Vincent Newman Entertainment para levar adiante os plans. Nun comunicado, Colbert dixo: “George R.R. Martin e mais eu temos soños sēmellantes. Eu levo a história de Corwin na miña cabeza dende hai mais de corenta anos, e estou encantado de traballar coa Skybound e con Vincent Newman para dar vida a estes mundos. Todos os camiños levan a Ámbar, e alédo-me de percorre-los“.
A Skybound tiña plans para facer unha série xa dende 2016, cando o nome de Robert Kirkman (creador de The Walking Dead) estivo vencellado ao proxecto. Agora mesmo os produtores están á procura dun guionista.