O terceiro TRON róda-se en agosto

320

A terceira entrega da saga TRON da Disney non está morta, e de feito o proxecto, que se titulará TRON: Ares, ten previsto o comezo da rodaxe para o mes de agosto en Vancouver.

Para se encargar do filme, a Disney está a negociar a contratación do realizador noruegués Joachim Rønning (Maleficent: Mistress of Evil, Pirates of the Caribbean: Dead Men Tell No Tales), mentres que Jared Leto continúa vencellado coma protagonista.

Joseph Kosinski dirixiu en 2010 TRON: Legacy, a secuela da clásica película de ciéncia-ficción orixinal de 1982. Esta secuela foi moi eloxiada polos seus efectos visuais, o deseño de produción e sobre todo, pola xenial banda sonora composta por Daft Punk, mentres que a história en si mesma ou as interpretacións foron obxecto de agudas críticas.

Jeff Bridges, Garrett Hedlund, Olivia Wilde, James Frain, Bruce Boxleitner, Beau Garrett e Michael Sheen protagonizaron a segunda entrega, que recadou 400 millóns de dólares en todo o mundo, pero por mor do seu enorme orzamento de 170 millóns, a Disney non considerou prioritário continuar coa saga, até agora.

En 2020, o australián Garth Davis fora contratado para dirixir a terceira parte, para o que contaba cun guión de Jesse Wigutow (Eragon) e coa participación de Leto coma protagonista. Nestes intres, o guión de Wigutow continúa en pé, mentres que Leto, Justin Springer, Jeffrey Silver e mais Emma Ludrook serán os produtores.

Rønning pola súa banda ven de rematar de rodar o filme biográfico Young Woman and the Sea, protagonizado por Daisy Ridley e producido por Jerry Bruckheimer.