A Fuga de Hunter

415

A Exile Content, unha empresa que crea contidos en español e inglés a través de múltiples plataformas, ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema a novela de ciéncia-ficción de 2007 Hunter’s Run, orixinal de George R.R. Martin, Gardner Dozois e mais Daniel Abraham, e que é a única obra asinada por Martin que está protagonizada por un persoaxe latino.

A história narra as aventuras de Ramon Espejo, un buscador de minerais no planeta-colónia São Paulo, onde as condicións de vida non son mellores cás que deixou na Terra. Despois de matar a un diplomático nunha rifa nun bar, Espejo decide agochar-se nas terras salvaxes do norde do principal continente do planeta, pero mentres está alí, descubre accidentalmente unha instalación alieníxena.

Nun comunicado, Martin di: “Estou encantado de que, despois de case 16 anos, Hunter’s Run vaia converter-se en película. Estou rebordante de emoción para que o rico universo de ciéncia-ficción que axudei a crear cos meus queridos amigos Daniel e Gardner exista alén das páxinas do noso libro“.

O canadiano Mark Raso, responsábel da recente fita Awake, dirixirá a película, baseada nun guión que el mesmo escribiu xunto ao seu irmán Joseph. Ambos serán os produtores executivos xunto a Martin e Vince Gerardis.

Esta adaptación é a mais recente de Martin para as pantallas, despois do fracaso de Nightflyers na SyFy en 2018 e o monumental éxito de House of the Dragon o ano pasado. A Netflix ten pola súa banda pendente de rodar Sandkings, que polo de agora conta con Gore Verbinski na dirección.