Aliens no xeo

707

A clásica franquía de ciéncia-ficción e terror Alien regresará en forma de cómic nunha nova série da Marvel Comics.

O cómic situa-se nunha lúa xeada, e alí a científica Batya Zahn faría calquera cousa por sacar á súa família do lugar onde están a investigar sobre a conservación do auga. Pero neste recuncho esquecido da galáxia hai algo mais ca mananciais glaciais. Cando descubren un organismo extraordinário enterrado no xeo, as tensións non tardan en se quecer. O que se agocha na neve sae á luz co desxeo… e ninguén dará a benvida a esta primavera!

O guión correrá a cargo de Declan Shalvey e os debuxos son de Andrea Broccardo, mentres que a capa a fornecerá Dike Ruan, cun par de variantes de Gabriele Dell’Otto, Alex Maleev e mais outra do mesmo Shalvey. Está previsto que chegue aos andéis das librarías co gallo do día oficial de Alien, que é o 26 de abril (ou 4/26 no formato de data americano). LV-426 é de feito o nome da lúa onde se descubre aos xenomorfos no filme orixinal de 1976 de Ridley Scott.

Esta será por certo a primeira série da liña Alien que conte cun guión escrito por alguén que non sexa Phillip Kennedy Johnson, autor dos tres primeiros arcos argumentais (Bloodlines, Revival e Icarus) dende que a Marvel se fixo coa licenza en 2019. Dos tres, só Icarus aínda continúa en activo e ten previsto rematar en marzo.

O cómic aparecerá deste xeito antes da estrea da nova película de Alien, que comezará a se rodar dentro dunhas semanas en Hungría baixo a dirección de Fede Álvarez, e dunha nova série de televisión do creador de Fargo, Noah Hawley, actualmente en fase de preprodución.