O realizador Robert Eggers, responsábel de filmes de terror coma The Witch ou The Lighthouse, volverá traballar xunto ao seu actor favorito, Willem Dafoe, na longamente agardada nova versión de Nosferatu que está a preparar a Focus Features.
Dafoe aínda está a manter negociacións para se unir ao proxecto, unha história de terror gótica de obsesión entre unha rapaza enmeigada (Lily Rose-Depp) na Alemaña do século XIX e mais o antigo vampiro transilvano (Bill Skarsgård) que a está a axexar, traendo consigo unha chea de terror. Nicholas Hoult é o outro protagonista.
O papel de Dafoe aínda non se sabe cal será, pero o material orixinal non lle é en absoluto descoñecido, porque xa interpretou ao mesmo Nosferatu no clásico filme de 2000 Shadow of a Vampire, unha escura comédia de ficción sobre a rodaxe da obra mestra de F.W. Murnau en 1922, unha película muda que foi á súa vez unha adaptación non autorizada da novela Dracula de Bram Stoker pero cos nomes e moitos outros detalles cambiados.
Jeff Robinov, John Graham, Eggers, Chris Columbus e mais Eleanor Columbus serán os produtores deste proxecto.