Grandes plans da Amazon para Tomb Raider

470

A inglesa Phoebe Waller-Bridge, quen ademais de guionista é actriz e ven de protagonizar canda Harrison Ford o filme Indiana Jones and the Dial of Destiny, seica non vai abandoar a acción e as aventuras, porque ela será a responsábel de escribir unha nova série de televisión baseada na franquía de Tomb Raider na Amazon Prime, da que ademais será a produtora executiva.

Polo de agora aínda non está claro se Waller-Bridge intervirá na série tamén diante das cámaras coma a protagonista, a arqueóloga e aventureira Lara Croft, ou noutro papel. O proxecto de todos os xeitos está aínda en fase de desenvolvemento e chega coma primeira consecuéncia da recente renovación do contrato xeral de Waller-Bridge coa Amazon.

Ryan Andolina, antigo xefe de comédia e drama da Amazon, e mais Amanda Greenblatt, a ex-xefa de acordos globais, tamén serán produtores executivos a través da súa própia compañía.

A saga de videoxogos xa dera lugar a tres adaptacións ao cinema, dúas con Angelina Jolie e outra con Alicia Vikander no papel de Lara Croft. Camilla Luddington, Keeley Hawes e Minnie Driver puxéron-lle a voz ao persoaxe nos videoxogos, mentres que Hayley Atwell fíxo-o nunha série de anime.

A Amazon pola súa banda anunciou que ven de se asociar coa dj2 Entertainment para produciren unha nova película e mais un videoxogo mais da franquía, ademais por suposto da série de televisión. O plan seica é que os tres proxectos estean interconectados “de xeito semellante ao que a Marvel acadou“, e iso podería ser só o princípio. O pacto podería por en marcha un plan de alto orzamento semellante ou mesmo superior ao de The Rings of Power.

A dj2 Entertainment é a empresa responsábel da série de anime Tomb Raider na Netflix, aínda por estrear pero que xa inclúe un pedido de dúas tempadas, que posibelmente se estenderán algo mais. Tamén está na traballar nas adaptacións ao cinema dos videoxogos Life Is Strange e Disco Elysium.