Gunn e Safran desvelan os plans da DC

474

Os novos xefes da DC Studios, James Gunn e Peter Safran, desvelaron onte no decurso dunha rolda de prensa en Los Angeles unha grella de dez novos proxectos que marcarán os vindeiros anos da compañía dos superheroes. Esta primeira fase chamará-se “Capítulo 1: Deuses e Monstros” e presentará á audiéncia unha história totalmente unificada de filmes e séries, que terán lugar no mesmo universo e cunha narración cohesionada.

No que respecta aos posíbeis protagonistas, Gunn non se mollou demasiado: “Algúns dos persoaxes que estamos a facer van cambiar, é un multiverso, e algúns dos persoaxes usarán os mesmos actores“. En todo caso, seica calquera proxecto de animación podería ter tamén unha versión de imaxe real, polo que se están a facer probas con actores con esa ideia en mente.

Os dez proxectos aprobados son os seguintes:

  1. Creature Commandos (debuxos animados). Unha série xa en produción baseada na franquía do mesmo nome, con vampiros, lobishomes e zombis dentro do universo da DC. O mesmo Gunn escribiu os sete episódios.
  2. Waller (série de acción real). Viola Davis repetirá o seu papel coma Amanda Waller nunha série, esta vez enfocada no seu persoaxe, e que se situará entre a primeira e a segunda tempada de Peacemaker. Chrystal Henry (Watchmen) e Jeremy Carver (Doom Patrol) están a escribir os guións.
  3. Superman Legacy (Filme a estrear o 11 de xullo de 2025). Safran dixo que “este será o auténtico comezo do universo DC“, que está a ser escrito polo de agora por Gunn. Seica non será unha história da orixe do Home de Aceiro, senón que se centrará en como Superman equilibra a súa herdanza kryptoniá coa súa crianza coma humano, e de como é unha boa persoa nun mundo que pensa que ser bó é algo pasado de moda.
  4. Lanterns (série de acción real). Esta série, que ven substituír ao proxecto cancelado de Greg Berlanti con Finn Wittrock e Jeremy Irvine, terá unha calidade que queren comparar á de True Detective na HBO. Safran dixo: “Está baseada na Terra, ten a dous dos nosos Lanternas Verdes favoritos, Hal Jordan e John Stewart, protagonizando un mistério tipo ‘True Detective’ e xogará un papel moi salientábel na história principal que contaremos ao longo do cinema e mais a televisión“.
  5. The Authority (filme). Baseado no cómic homónimo de Warren Ellis e Bryan Hitch, incorporando a persoaxes do selo Wildstorm dentro do universo da DC.
  6. Paradise Lost (série de televisión). Gunn e Safran planean reconstruír o mundo das amazonas cunha série que terá lugar en Themiscyra antes do nacemento de Diana e que narra as intrigas políticas dunha sociedade composta só por mulleres. Segundo Safran, “será unha história ao xeito de Game of Thrones sobre Themiscyra… cal é a orixe dunha illa con só mulleres? Cales son as fermosas e as feas verdades tras de todo iso, e cal é o esquema entre os distintos poderes nesa sociedade?“.
  7. The Brave and the Bold (filme). Baseado no Batman de Grant Morrison, este filme presentará ao Batman/Bruce Wayne do universo DC e á família completa, incluíndo a Damian Wayne. Gunn dixo que será “unha estraña história entre pai e fillo” e estará separada do Batman de Robert Pattinson nos filmes de Matt Reeves.
  8. Booster Gold (série de televisión). Sobre esta, Safran dixo que vai sobre “un perdedor do futuro, que usa tecnoloxía básica do futuro para viaxar aos nosos tempos e pretende ser un superheroe“.
  9. Supergirl: Woman of Tomorrow (filme). Baseada na série de cómic de Tom King, este filme presentará a un persoaxe moi distinto. Segundo Gunn, “no noso universo DC veremos a diferéncia entre Superman, que foi enviado á Terra e criado para amar aos seus pai dende que era un neno, e Supergirl, criada nunha rocha arrincada de Krypton e viu como todo o mundo ao seu redor morría e era asasinado durante os primeiros 14 anos da súa vida“.
  10. Swamp Thing (filme). O filme investigará “as orixes escuras” da Cousa do Pantano e reflectirá a diversidade tonal da nova DC. Será un filme de terror e pechará o primeiro capítulo deste universo.

Tanto Gunn coma Safran confirmaron asemade que The Batman Part II estreará-se o 3 de outubro de 2025 e será un filme dentro de “Elseworlds”, non parte do universo DC. O guión está aínda a se escribir. E o mesmo selo Elseworlds aplicará-se ao filme de Todd Phillips Joker: Folie à Deux e mais ao Superman negro de Ta-Nehisi Coates.

Respecto á série da canle The CW Superman & Lois, cuxa terceira tempada está por comezar axiña, Gunn dixo que espera que continúe “durante unha ou dúas tempadas mais“.

E finalmente, Gunn confirmou que Ben Affleck está realmente disposto a dirixir un filme da DC, pero que aínda non está claro cal será e que polo de agora non está vencellado á produción de The Brave and the Bold.