Sauron está a recuperar o seu poder minguado dende hai séculos, os hobbits viven felices na Bisbarra, ignorantes dos grandes acontecimentos da Terra Média, ainda non hai rei en Gondor e Gandalf segue sendo O Gris, por baixo do poderoso Saruman.
A lendária história que J.R.R. Tolkien comezou a escribir en 1937 apareceu unha vez mais en forma de videoxogo para o PC, a Xbox 360 e mais a Play Station 3 da man da Pandemic Studios e publicada por Electronic Arts. O seu título é O Señor dos Aneis: A Conquista e herda a mecánica da saga Star Wars: Battlefront, é dicir, unha aventura de acción cun lixeiro toque estratéxico grazas á posibilidade de escoller o tipo de unidade: guerreiro, arqueiro, mago ou explorador.
Un dos maiores alicientes, ao igual que nos citados Star Wars, é o modo multixogador cooperativo, que permite que duas persoas loiten en equipa nas grandes batallas de humanos, elfos, orcos e ananos. Grazas á pantalla dividida, os dous amigos poden separar-se e ir a diferentes pontos do mapa para completar os obxectivos con rapidez, ou seguir xuntos e combinar os seus esforzos para derrubar aos inimigos mais poderosos.
Tamén hai un modo multixogador competitivo para até 4 xogadores simultáneos en modo offline (só 2 na versión de PlayStation 3) e até 16 en modo online.
En O Señor dos Aneis: A Conquista recrean-se as grandes batallas da Terceira Idade, dende o mítico enfrontamento no Abismo de Helm até a defensa de Gondor. Os Ents, os Olifantes, os Nazgul, o Balrog… todos aparecen nesta guerra.
Se cadra o mais interesante é a posibilidade de escoller entre defender o Ben ou apoiar ás forzas do Mal. Neste último caso hai que dirixir as diabólicas forzas de Sauron e participar en eventos inéditos, coma un escenário hipotético que amosa o que aconteceria despois de que Frodo non conseguise destruir o Anel Único.