Vin Diesel regresa ao seu planeta

527

Vin Diesel e mais o realizador David Twohy volverán traballar xuntos en Riddick: Furya, a cuarta entrega da série de acción e ciéncia-ficción que axudou a lanzar a carreira cinematográfica de Diesel con Pitch Black aló polo ano 2000.

O filme aínda está nunha primeira fase de concepción e a intención é comezar a vender o título no decurso do European Film Market que comeza a semana que ven en Berlín, pero mentres tanto, xa se deron a coñecer novos detalles sobre o proxecto.

Na nova película, Riddick regresa por fin a Furya, o seu mundo natal, un lugar que apenas recorda e do que teme que os Necróferos o deixen en ruínas. Alí atopa a outros furyáns que loitan pola súa existéncia contra un novo inimigo. E algúns destes furyáns son mais semellantes a Riddick do que xamais puido imaxinar.

Twohy dirixirá a partir dun guión de seu, mentres que Diesel protagonizará e producirá xunto a Samantha Vincent.

Nun comunicado, Twohy dixo: “A nosa lexión de fans esixiu-no durante anos, e agora por fin estamos listos para honrar a súa chamada á acción con ‘Riddick: Furya’. A miña colaboración con Vin e One Race estendeu-se durante vinte frutuosos anos, porque xuntos creamos tres películas, dous videoxogos, unha produción de anime e mais cómics animados. Este novo acontecemento na pantalla grande suporá o regreso ao mundo natal de Riddick, onde por fin poderemos explorar a súa xénese“.

Twohy escribiu e dirixiu as tres anteriores longametraxes da saga de Riddick, pero é ademais o responsábel doutros clásicos do xénero coma a história de invasión alieníxena de Charlie Sheen The Arrival e mais o filme submariño Below.