Adestrando aos dragóns en vivo e en directo

294

A adaptación ao cinema con actores de carne e óso do clásico filme de debuxos animados How To Train Your Dragon está a se desenvolver, e de feito a Dreamworks xa deu a coñecer unha data de estrea, o 14 de marzo de 2025, e mesmo unha distribuidora, a Universal Pictures. O proceso de casting xa está tamén en marcha.

O realizador quebequés nominado ao Oscar Dean DeBlois, que escribiu e dirixiu a triloxía orixinal entre 2010 e 2019, volverá a se sentar na cadeira de director, esta vez escribindo e ademais producindo a nova versión. A finais de 2019 DeBlois recibiu o encargo de adaptar para o cinema a franquía de xoguetes da Hasbro Micronauts, pero este proxecto ficou adiado por mor do corona e aínda está en desenvolvemento.

A película orixinal desenvólve-se na vila viquinga de Berk, onde un adolescente inadaptado chamado Hiccup (ou Impo, en galego) fai-se amigo dun dragón ferido ao que chama Toothless, pero axiña decatará-se de que o seu dragón é adaptábel e agarimoso coma un gatiño.

Baseada nos libros de Cressida Cowell, a triloxía xerou mais de 1.600 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo e deu lugar a tres séries de televisión, atraccións en parques temáticos e mais un espectáculo en directo.

Marc Platt (Bridge of Spies, La La Land) producirá a nova película, que suporá a primeira longametraxe da Dreamworks que dá o chimpo á acción real dende as súas orixes animadas.

Antes de How To Train Your Dragon, DeBlois e mais o seu parceiro Chris Sanders crearan Lilo & Stitch para a Disney e traballaron na história orixinal de Mulan en 1998.