Hellboy terá outro relanzamento

275

Despois do fracaso do relanzamento da franquía en 2019, co filme protagonizado por David Harbour e dirixido por Neil Marshall, a Millennium Media quere intentar de novo recomezar a história de Hellboy e xa está a desenvolver activamente unha nova longametraxe que adapte ás pantallas ao emblemático persoaxe dos cómics de Mike Mignola.

O filme xa conta cun guión e cun director vencellado, Brian Taylor, o responsábel de Ghost Rider: Spirit of Vengeance, quen ademais escribiu a adaptación do cómic Jonah Hex en 2010 e mais recentemente foi o showrunner da série Happy!, que emitiu a Netflix, e mais de Brave New World na Peacock.

Esta será unha longametraxe autoconclusiva polo que non terá vencellos cos filmes anteriores de Guillermo del Toro ou coa película de 2019. E aínda que houbo algunha confusión ao respecto, tampouco será unha produción de debuxos animados, senón con acción real.

O título polo de agora é Hellboy: The Crooked Man, o que suxire que estará baseado na minisérie homónima dos cómics de 2011. Nela, Hellboy vive no ano 1956 nas montañas Apalaches, onde atopa a un home que cando era novo vendeu a súa alma a un demo dos bosques, o Home Cangado (o “Crooked Man” do título). Hellboy e mais o home deberán enfrontar-se ao demo e tentar salvar a súa alma.

Mignola e mais o escritor de terror Christopher Golden recibirán créditos por ser os autores orixinais da história, aínda que non está claro se contribuíron dalgún xeito ao guión do filme. Golden xa colaborou no de 2019, pero sen aparecer nos títulos de crédito.

A rodaxe comezará en abril en Bulgária e nestes intres están xa á procura de actores para compór o elenco. A Millennium utilizará probabelmente os mesmos estudos onde se rodou hai pouco Red Sonja con Matilda Lutz.