A Blumhouse entra no mundo dos videoxogos

433

A Blumhouse de Jason Blum anunciou onte martes que planea lanzar Blumhouse Games, unha nova filial que producirá e publicará videoxogos cun orzamento inferior aos 10 millóns de dólares “seguindo o espírito do seu negócio cinematográfico“.

Blumhouse Games asociará-se con programadores de xogos independentes para lles axudar a dar vida ás súas visións creativas con xogos orixinais de terror para consolas, PC e plataformas móbiles. Aínda non se sabe se teñen tamén plans para adaptar as súas propiedades actuais aos videoxogos (por exemplo, Paranormal Activity ou a mais recente M3gan).

O presidente da Blumhouse, Abhijay Prakash, afirmou que este é o comezo do pulo da empresa ao espazo interactivo co obxectivo de “permitir a innovación e ampliar os límites creativos“.

O veterán produtor de videoxogos Zach Wood (responsábel de The Unfinished Swan ou Prey: Mooncrash) será o presidente, mentres que o ex-executivo de PlayStation Don Sechler foi nomeado director financeiro. Wood dixo: “Ao longo da miña traxectória na indústria, tiven a sorte de traballar estreitamente con desenvolvedores para dar vida ás súas ideias. Hai unha oportunidade única para o terror e o xénero no espazo dos xogos indie, e estou encantado de formar equipa coa Blumhouse para aproveitar significativamente a marca, a sona e o talento creativo da compañía“.

A Blumhouse produciu mais de 150 películas e séries de televisión que conxuntamente acadaron unha recadación de mais de 5.000 millóns de dólares nos despachos de billetes. O ano pasado anunciou-se un proxecto de fusión coa Atomic Monster de James Wan, que probabelmente se levará a cabo este verán.