Após do seu éxito con Pinocchio, que ven de recibir unha nominación ao mellor filme de debuxos animados nos Oscar deste ano, a Netflix quere volver colaborar co realizador Guillermo del Toro noutra película de debuxos en stop-motion que el mesmo dirixirá.
The Buried Giant será unha adaptación á pantalla grande da célebre novela fantástica do escritor inglés Kazuo Ishiguro, gañador do Prémio Nobel de Literatura en 2017. Del Toro producirá e dirixirá a película, e coescribirá o guión xunto ao libretista Dennis Kelly (Matilda the Musical).
A história ten coma protagonistas a unha parella de anciáns ingleses, Axl e Beatrice, que viven nunha vila medieval post-artúrica na que ninguén pode retér lembranzas a longo prazo, e tras lembrar vagamente que anos antes tiveran un fillo, deciden viaxar a unha vila veciña para busca-lo. Do mesmo xeito que en Guillermo del Toro’s Pinocchio, os estudos de stop motion ShadowMachine serán a base da produción.
Nun comunicado, Del Toro dixo: “The Buried Giant continúa a miña asociación de animación coa Netflix e a nosa procura da parada de imaxe coma médio para contar histórias complexas e construír mundos ilimitados. É unha grande honra e unha grande responsabilidade para min dirixir este guión que Dennis Kelly e eu estamos a adaptar da profunda e imaxinativa novela de Kazuo Ishiguro“.
Scott Stuber, da Netflix, declarou: “Guillermo del Toro é un realizador visionário e un mestre do seu ofício. Non poderiamos estar mais orgullosos do prestixioso recoñecemento ao seu Pinocchio, e estamos encantados de continuar a nosa asociación creativa mentres desenvolve o seu vindeiro proxecto coa Netflix“.
Codirixida con Mark Gustafson, Guillermo del Toro’s Pinocchio pasou un mes no mais alto das clasificacións mundiais da Netflix e acadou mais de 50 millóns de vistas nos seus primeiros 28 días. Esta pasada fin de semana gañou o BAFTA á mellor película de debuxos animados.