Kogonada dirixirá Star Wars: The Acolyte

148

O realizador americano de orixe surcoreana Kogonada, responsábel dos éxitos indie Columbus e After Yang, ven de se unir á equipa de dirección da série Star Wars: The Acolyte xunto ao veterán das séries da Netflix Álex García López e mais a showrunner Leslye Headland.

Kogonada tamén conta con experiéncia na tele, onde ten créditos coma director e produtor executivo na canle Apple TV. O arxentino López pola súa banda é un nome habitual das séries de Netflix e dirixiu episódios de Daredevil, The Witcher, The Chilling Adventures of Sabrina, Cowboy Bebop, The Punisher e Luke Cage, entre outras.

Esta non é a primeira vez que a Disney se decide por contratar a un director de prestíxio para unha das súas séries. Nos últimos tempos cómpre mencionar nomes coma os de Lee Isaac Chung, que dirixirá vários capítulos da terceira tempada de The Mandalorian, ou o de Pete Ramsey, co-responsábel de Spider-Man: Into the Spider-verse.

Amandla Stenberg, Lee Jung-jae, Manny Jacinto, Dafne Keen, Rebecca Henderson, CharlieBarnett, Dean-Charles Chapman e Carrie-Ann Moss coprotagonizan Star Wars: The Acolyte, un thriller de mistério ambientado nos derradeiros días da era da Alta República, dous séculos antes dos acontecementos de The Phantom Menace.

A protagonista será unha antiga padawan, que se reúne co seu mestre Jedi para investigar unha série de crimes, pero as forzas ás que se enfrontan son mais sinistras do que xamais previran.

A estrea está prevista para o ano que ven, mentres que polo de agora continúa a rodaxe en Inglaterra.