A Amazon Studios está a lle dar pulo ao desenvolvemento da adaptación a série de televisión do clásico da ciéncia-ficción de John Wyndham The Day Of The Triffids. Johan Renick, gañador dun Emmy por Chernobyl na HBO, encargará-se da dirección e da produción executiva. Don Murphy e Susan Montford son os produtores executivos por parte da Angry Films.
A novela de Wyndham de 1951, coa súa ambientación e trama postapocalípticas, garda grandes paralelismos co éxito da HBO The Last Of Us. En The Day Of The Triffids, despois de que unha choiva de meteoritos cegara á maioría dos habitantes da Terra, os trífidos, unhas plantas carnívoras e velenosas, empezan a matar ao resto. A história centra-se en Bill Masen, un biólogo especializado en trífidos que lidera aos superviventes na súa loita contra as plantas asasinas e, nun momento dado, rescata a unha rapaza e viaxa con ela durante vários días.
O libro orixinal tivo xa tres adaptacións radiofónicas en Inglaterra e mais unha longametraxe de 1962 protagonizada por Howard Keel. Tamén houbo dúas séries limitadas da BBC, a mais recente en 2009, The Day Of The Triffids, cun elenco que incluíu a Dougray Scott, Joely Richardson, Brian Cox, Vanessa Redgrave, Eddie Izzard e Jason Priestley. A novela influíu ademais na película inglesa de zombis 28 Days Later.
A relación de Murphy co libro remonta-se a 2010, cando foi vencellado a unha adaptación en 3D. A Angry Films (e mais a súa predecesora, a Montford Murphy Productions) conta entre os seus cretos con Real Steel e mais a franquía Transformers.