Dead by Daylight, ao cinema

252

A Atomic Monster de James Wan e mais a Blumhouse Productions de Jason Blum están a preparar unha adaptación cinematográfica do exitoso videoxogo Dead by Daylight.

A compañía responsábel do xogo, a Behaviour Interactive, formará equipa cos estudos neste proxecto, que actualmente busca guionista e director. Dado que o proceso se atopa aínda nunha fase moi ceda, aínda falla moito para coñecer o elenco ou os detalles da história.

Lanzado en 2016, o xogo de terror e supervivéncia multixogador acadou mais de 50 millóns de usuários en todo o mundo, con dous millóns deles activos diários. No seu sistema, ao que alcuman asimétrico porque é 1 contra 4, hai un grupo de xogadores tratando de se agochar e escapar dun asasino, quen debe empalar a cada supervivente en ganchos de sacrifício para apazugar a unha forza malévola coñecida coma “A Entidade”, mentres que os superviventes teñen que evitar ser atrapados e alimentar as portas de saída traballando xuntos para arranxar cinco xeradores.

O xogo se fixo popular por incorporar persoaxes famosos de moitas franquías de terror diferentes, coma Halloween, A Nightmare on Elm Street, Stranger Things, Evil Dead, The Texas Chainsaw Massacre, Saw, Scream, Ringu, Hellraiser, Resident Evil, Silent Hill e Left 4 Dead.

Nun comunicado das compañías, Wan cualifica o xogo de “carta de amor ao mundo do terror” e o define coma “perfecto para unha adaptación cinematográfica de medo“, mentres que Blum engadiu: “Sabemos que hai moitos fans de Dead by Daylight aí fóra e coidamos que é imperativo atopar a alguén que estime e ame o mundo tanto comα nós, para que nos axude a levar o xogo á pantalla grande“.