Jack Kesy é o novo Hellboy

275

O prometedor actor Jack Kesy porá-se a maquillaxe vermella para interpretar a Hellboy na vindeira película Hellboy: The Crooked Man da Millennium Media. A rodaxe dará comezo a finais deste mes en Bulgária baixo a dirección de Brian Taylor e cun guión do creador orixinal do persoaxe, Mike Mignola, xunto ao seu colaborador na Dark Horse Chris Golden.

Na película, Hellboy e mais un axente novato da BPRD (a axéncia de investigación e defensa paranormal) fican varados nos Apalaches rurais dos anos cincuenta, e alí descubren unha pequena comunidade enmeigada polas bruxas e liderada por un demo local cunha inquedante conexión co pasado de Hellboy: o Home Cangado.

Este home é Jeremiah Witkins, un avarento e especulador de guerra do século XVIII aforcado polos seus crimes, pero que regresou do inferno e se converteu no diaño da rexión.

Até agora Kesy tivera só pequenos papéis en filmes salientábeis coma Deadpool 2, onde interpretou ao falcatruán Black Tom Cassidy, pero protagonizou Dark Web: Cicada 3301 na Lionsgate e co-protagonizou The Outpost canda Orlando Bloom. Na tele traballou en séries coma The Strain e Claws.

A nova versión de Hellboy será a cuarta entrega desta franquía no cinema, após das dúas primeiras dirixidas por Guillermo del Toro en 2004 e 2008 e mais o fracasado relanzamento de 2019 dirixido por Neil Marshall.