Desvelado o elenco das Tartarugas Ninja

216

O produtor Seth Rogen anunciou o sábado o elenco oficial do filme que, unha vez mais, relanzará ás tartarugas ninja no cinema: Teenage Mutant Ninja Turtles: Mutant Mayhem, unha longametraxe de debuxos animados xerados por computadora que ven da man da Paramount Pictures e a Nickelodeon.

No elenco estarán Micah Abbey (Donatello), Shamon Brown Jr. (Michelangelo), Nicolas Cantu (Leonardo) e Brady Noon (Raphael). Ademais, Jackie Chan porá-lle a voz ao mestre Splinter, Ayo Edebiri será a xornalista April O’Neil, o mesmo Rogen será Bebop e John Cena fará de Rocksteady.

No elenco ademais haberá outros nomes notábeis a salientar: Giancarlo Esposito, Paul Rudd, Ice Cube, Rose Byrne, Hannibal Buress, Natasia Demetriou, Post Malone e Maya Rudolph.

O filme comeza cando os catro irmáns tartaruga queren gañar-se o corazón dos habitantes de New York desenvolvendo actos heroicos polos que esperan ser aceptados coma adolescentes normais. Mentres, loitan contra un misterioso sindicato de criminosos coa axuda da súa amiga April O’Neil, pero os problemas medrarán cando un novo exército de mutantes apareza. Esta será a primeira película de debuxos animados xerados por computadora que a Nickelodeon estree nas salas de cinema.

Jeff Rowe (Gravity Falls, The Mitchells vs. the Machines) dirixe a partir dun guión escrito por Brendan O’Brien. Rogen, Evan Goldberg e mais James Weaver son os produtores.

A estrea de Teenage Mutant Ninja Turtles: Mutant Mayhem está prevista para o 4 de agosto.