O guionista e director Jonathan Krisel ven de comezar a negociar a súa entrada no proxecto de secuela de Pokemon: Detective Pikachu, un filme de 2019 que resultou un éxito nos despachos de billetes para a Legendary Entertainment.
A primeira película fora dirixida por Rob Letterman e estaba protagonizada por Ryan Reynolds, Ken Watanabe, Justice Smith, Suki Waterhouse, Rita Ora e Kathryn Newton. Recadou mais de 430 millóns en todo o mundo e fíxo-se con algunhas críticas moi positivas, ademais de ser considerada a adaptación dun videoxogo mais exitosa de todos os tempos, até que apareceu Sonic the Hedgehog o ano seguinte.
O orixinal presenta a un Pikachu falante, que gosta moito do café e que se considera a si mesmo un Sherlock Holmes. Pikachu forma equipo con Tim Goodman, un adestrador Pokémon sen sorte, para atoparen ao pai desaparecido de Tim.
Polo momento non hai actores pechados, pero probabelmente Reynolds terá algún papel na secuela. Chris Galletta escribirá o guión.
A franquía de Pokémon vendeu mais de 440 millóns de videoxogos en todo o mundo, decenas de miles de millóns de cartas Pokémon TCG e unha série de televisión que xa leva 25 tempadas. A Netflix anunciou o luns unha nova série de debuxos animados en motion titulada Pokémon Concierge, mentres que ao mesmo tempo ten aínda en desenvolvemento unha série con acción real.