A Amazon recupera Batman: Caped Crusader

564

En maio do ano pasado, a HBO Max e a Cartoon Network anunciaron que encargaran unha nova série de debuxos animados titulada Batman: Caped Crusader. O proxecto ía contar coa produción executiva dos realizadores J.J. Abrams (Star Wars: The Force Awakens) e Matt Reeves (The Batman), xunto con Bruce Timm, responsábel do desenvolvemento da série orixinal Batman: The Animated Series.

O obxectivo era que a nova série recuperara a máxia da súa predecesora dos 90, con profundas inmersións psicolóxicas e un estilo de cinema negro na súa presentación. Así a todo, en agosto a HBO Max decidiu abandoar o proxecto, un dos sete de animación, na súa maioría da Warner Bros. Animation, que se desbotaron por mor das medidas de redución de custes aplicadas pola Warner Bros. Discovery.

Porén finalmente haberá boas novas, porque Batman: Caped Crusader atopou un novo fogar na Amazon, que ven de se facer cos dereitos da série e encargou a produción de dúas tempadas.

O guionista de cómics Ed Brubaker forma parte da nova equipa creativa e dirixirá a sala de guionistas. Ademais, traballará canda Timm na primeira tempada de dez episódios.

Polo de agora aínda non se deu a coñecer un calendário de produción ou de estrea.