Benson e Moorhead planean levar The Endless á tele

232

Os directores indie Justin Benson e Aaron Moorhead están a considerar a posibilidade de converter unha das súas películas nunha série de televisión.

A parella acadou sona grazas aos seus filmes de terror e ciéncia-ficción de baixo orzamento, especialmente coa súa triloxía “Endless”, composta por Resolution (2012), Spring (2014) e The Endless (2017). En 2019 produciron a súa longametraxe de maior orzamento até a data, Synchronic, protagonizada por Anthony Mackie e Jamie Dornan, e mais recentemente fixeron Something in the Dirt, rodada durante a pandémia e estreada o ano pasado.

Ademais, son os responsábeis de dous episódios de Moon Knight na Marvel e dirixirán a maior parte da segunda tempada de Loki, a estrear este ano.

Nunha entrevista a pasada semana, afirmaron que queren achegar a súa experiéncia coma directores nunha série ambientada no mesmo universo que The Endless: “As noites a as fines de semana pasámo-las traballando no que é a nosa nova vindeira ideia. Esencialmente, o que agardamos que sexa unha série de televisión, ou polo menos outra película independente, no universo de Endless. Aí é onde poñemos toda a nosa paixón“.

Os protagonistas serán eles mesmos interpretando de novo aos seus persoaxes de The Endless, que ía sobre un par de irmáns que van visitar nos bosques de San Diego unha seita de ovnis á pertenceron cando eran nenos. Na súa procura por respostas, ven-se envoltos nun bucle temporal e nunha ameaza extra-terrestre.

Benson e Moorhead foron daquela non só os directores e produtores, senón tamén os protagonistas do filme, que dalgún xeito foi a continuación de Resolution. Para esta ocasión, e aínda que todas as súas películas teñen lugar no mesmo universo, The Endless será o foco principal da série.