Os co-creadores da série de espías e acción Homeland, Howard Gordon e Alex Gansa, volverán traballar xuntos nunha adaptación para a tele da clásica fita de ciéncia-ficción Gattaca, que dirixiu Andrew Niccol en 1997.
A história orixinal está ambientada nun futuro próximo, onde a ciéncia e a humanidade avanzaron de tal xeito que podemos dirixir a nosa evolución a través da manipulación xenética. E coma resultado, as clases sociais se dividen entre aqueles que poden pagar bós xenes para os seus fillos e os que teñen que seguir dependendo da natureza.
Neste futuro, as empresas seleccionan aos seus empregados baseándo-se na súa perfección xenética. O filme céntra-se nun home cun problema conxénito de corazón que asume a identidade dun antigo atleta con xenes perfectos, para deste xeito poder cumprir o seu soño de viaxar ao espazo.
A Sony Pictures Television está atrás deste proxecto, que conta cun guión de Gordon, Gansa e Craig Borten. A série terá lugar unha xeración despois dos acontecementos do filme orixinal, polo que se ambientará na mesma continuidade e non será un mero remake.
Gordon, Gansa, Glenn Gellar e Danny DeVito serán os produtores executivos. DeVito xa fixera o mesmo traballo na película de 1997, que contaba coma protagonistas con Ethan Hawke, Jude Law e Uma Thurman.