James Gunn dirixirá Superman: Legacy

553

Após de moitos rumores, ven de se confirmar que o xefe da DC Studios, James Gunn, escribirá e dirixirá Superman: Legacy.

O filme será deste xeito o primeiro que realice Gunn despois do seu nomeamento coma máximo responsábel da DC Studios xunto a Peter Safran. Ambos están a lle dar forma á nova era dos filmes do universo da DC para os vindeiros anos.

Aínda que polo de agora non hai ren confirmado, seica a história de Superman: Legacy terá coma protagonista a un mozo Superman non seus primeiros días de traballo coma Clark Kent no Daily Planet, e é por iso polo que Henry Cavill non regresará ao papel. Gunn leva algún tempo traballando no guión, mesmo antes de que se anunciara o filme no pasado mes de xaneiro.

Nun chío na rede social Twitter, Gunn explicou: “Si, vou dirixir Superman: Legacy, que se estreará o 11 de xullo de 2025. O meu irmán Matt díxo-me que cando veu a data de estrea botou a chorar. Preguntei-lle por que. E dixo ‘Tío, é o aniversário de papá’. Eu non me decatara. Foi un longo camiño até chegar a este punto. Hai anos ofrecéron-me Superman. Ao princípio dixen que non porque non tiña un xeito de face-lo que me parecera único, divertido e que lle dera a Superman a dignidade que se merecía. Logo, hai pouco menos dun ano, vin a maneira de face-lo, centrada en moitos aspectos na herdanza de Superman: como os seus aristocráticos pais kriptoniáns e os seus pais granxeiros de Kansas inflúen en quen é e nas decisións que toma“.

Gunn desmentiu hai pouco os rumores sobre quen faría o papel protagonista, e indicou que aínda non se contratou a un director de cásting. Superman: Legacy é a única película da súa lista que ten data de estrea fixada.