Lance Reddick, o relembrado coprotagonista da série Fringe, ven de morrer hoxe venres aos 60 anos de idade na súa casa en Los Angeles. O motivo da morte non se deu a coñecer, pero segundo a súa publicista, foi por causas naturais.
A policía foi chamada á casa do actor e cantante ao redor das 09:30 hora local (14:30 CET), pero xa non se puido facer ren.
“Botaremos moito de menos a Lance“, dixo a súa publicista, Mia Hansen, nun comunicado, no que engadiu: “Por favor, respecten a privacidade da súa familia nestes momentos“.
Reddick atopába-se en plena xira pola cuarta entrega das películas de John Wick, cuxa estrea está prevista para o vindeiro venres 24.
Reddick, natural de Baltimore (Maryland), estudou música clásica na Eastman School of Music da Universidade de Rochester en New York, onde se licenciou antes de asistir á Escola Dramática de Yale. En 2007 publicou o seu único disco, Contemplations & Remembrances.
A comezos de 2008 foi seleccionado para un papel clave no episódio piloto de Fringe, no que interpretou ao duro Phillip Broyles, xefe dun departamento do FBI que investiga actividades paranormais. E na tempada 2008/09, Reddick comezou a aparecer ademais noutra série orixinal de J.J. Abrams, Lost.
O actor foi un dos rostros mais populares da televisión dos últimos tempos. Ademais de Lost e Fringe, colaborou en American Horror Story: Coven, The Blacklist e Resident Evil. No cinema cómpre salientar as súas aparicións en Jonah Rex e Godzilla vs. Kong, e coma actor de dobraxe, púxo-lle a voz a diversos persoaxes en Castlevania, Duck Tales, Rick and Morty, Beware the Batman, Tron: Uprising, The Avengers ou Aqua Teen Hunger Force.
Fóra do xénero fantástico, Reddick apareceu en séries coma The Wire, Bosch, The West Wing e Law & Order. Sobreviven-lle a súa muller, Stephanie, así como unha filla, Yvonne Nicole Reddick, e mais un fillo, Christopher Reddick.