Zack Snyder ampliará o universo da súa nova longametraxe de ciéncia-ficción épica Rebel Moon alén da súa estrea na Netflix.
Rebel Moon son dúas películas, que se rodaron xuntas e cuxa produción rematou en decembro após de oito meses de rodaxe. A história vai sobre unha colónia humana nos confíns da galáxia, que se ve ameazada polos exércitos do tiránico rexente Belisarius (Ed Skrein). Nun intento desesperado, os civís envían a unha rapaza (Sofia Boutella) á procura de guerreiros doutros planetas para loitaren contra os tiranos.
Entre os outros protagonistas, no elenco atópan-se Anthony Hopkins (quen presta a súa voz a un robot), Charlie Hunnam, Djimon Hounsou, Michiel Huisman, Jena Malone, Cary Elwes, Ray Fisher, Corey Stoll, Alfonso Herrera, Cleopatra Coleman, Stuart Martin, Kingston Foster, Ingvar Sigurdsson, Fra Fee e Staz Nair.
Nunha recente entrevista, Snyder revelou que está pensando en engadir elementos complementários ao seu proxecto, coma unha novela gráfica e unha curta de debuxos animados, pero logo referiu-se expresamente a un videoxogo de rol que seica xa está rematado: “Estou a pasa-lo moi ben con este xogo de rol, do que nin sequera sei se debo falar, que están a preparar e que é literalmente unha loucura, inmersivo, intenso e enorme. Falamos de como o fariamos e dixemos: Imos aló“.
Snyder engadiu que non pode dicir mais porque se supón que non debe falar delo, así que non sabe con certeza quen está a desenvolver o xogo ou que tipo de RPG será. A Netflix xa se adentrara no mundo dos videoxogos nos últimos anos, coa esperanza de converter algunhas das súas propiedades en videoxogos de éxito.
A primeira parte de Rebel Moon chegará ás pantallas a partir do 22 de decembro.