Gears of War fai-se co guionista de Dune

646

Jon Spaihts, o guionista de Dune, Passengers ou Prometheus, ven de recibir o encargo da Netflix para escribir a adaptación ao cinema con acción real da saga de videoxogos da Microsoft Gears of War.

A película adaptará parte dos videoxogos e precederá a unha série de debuxos animados que arestora prepara a Netflix. A compañía que desenvolveu os videoxogos, The Coalition, tamén participa no proxecto.

Ambientado no planeta Sera, Gears of War é un shooter en terceira persoa que presenta para os xogadores unha batalla pola supervivéncia entre os humanos e a Horda Locust, unha raza de criaturas que emerxen das entrañas do planeta. Os xogadores asumen as identidades dos soldados do Escuadrón Delta na súa loita por salvar aos habitantes de Sera.

Nun comunicado, Spaihts dixo: “Gears of War é un dos mellores xogos de acción de todos os tempos, con persoaxes vívidos, un mundo belamente deseñado e un sistema de combate que pon de manifesto a letalidade da guerra e a importáncia de ficar xunto aos teus compañeiros de escuadrón. Quere ser cinema, e estou encantado de ter a oportunidade de contribuír a elo“.

Os seis videoxogos que compoñen a franquía venderon no seu conxunto xa mais de 40 millóns de cópias dende que a saga debutou en 2006, e xunto con Halo e Forza está considerada unha das propriedades exclusivas mais rendíbeis da Microsoft para as plataformas Xbox e Windows.