O creador de Peaky Blinders, en Star Wars

563

O creador da série dramática da BBC Peaky Blinders, Steven Knight, encargará-se de escribir o guión da película aínda sen título da saga de Star Wars que dirixirá Sharmeen Obaid-Chinoy e da que se agarda que sexa a primeira nova entrega da popular franquía que chegue aos cinemas despois de Star Wars: The Rise of Skywalker en 2019.

Knight é un veterán responsábel de todo tipo de filmes ao longo dos últimos anos, entre eles Eastern Promises, Locke, Allied, Spencer, Serenity, The Girl in the Spider’s Web, ou Seventh Son. Para a televisión, creou e escribiu Taboo, See, SAS: Rogue Heroes e mais a mencionada Peaky Blinders.

Damon Lindelof (Watchmen) e Justin Britt-Gibson (Counterpart) foran contratados hai un ano para escribir o guión orixinal e entregaron un primeiro esbozo en xaneiro, pero o mes pasado abandoaron o proxecto. Con todo a nova da súa saída non se deu a coñecer até agora, e seica garda algunha relación cos informes de que vários outros proxectos de Star Wars nos que traballaban Patty Jenkins, J.D. Dillard e Kevin Feige foron tamén cancelados.

Deste xeito, as posíbeis películas de Taika Waititi e Shawn Levy semellan ser polo momento as únicas que seguen activas. Agárda-se que se anúncien mais dados sobre a de Obaid-Chinoy, incluíndo o seu título, no decurso da Star Wars Celebration que terá lugar en Londres en abril.