Lee é o novo guionista dos Thunderbolts

531

O coreano Lee Sung-jin, creador e showrunner da vindeira série Beef da A24 para a Netflix, será o novo guionista do filme Thunderbolts na Marvel Studios.

Lee, un guionista de comédias entre cuxos cretos figura tamén a série de debuxos animados Tuca & Bertie, fará deste xeito o seu debut coma escritor dunha longametraxe, e fai-se cargo asemade do posto que até agora tiña Eric Pearson (Black Widow), quen xa non está a bordo do proxecto.

Con esta entrada, Thunderbolt logra reunir a vários dos responsábeis que xa traballaran xuntos en Beef: ademais de Lee, están o director Jake Schreier e mais un dos seus coprotagonistas, Steven Yeun.

Nunha entrevista na prensa, Lee dixo sobre o guión: “Si, vou reescribi-lo. Toda a equipa [de Beef] reúne-se outra vez. Jake preguntou-me se quería subir a bordo. Probabelmente debería tomar-me un descanso, pero hai tantos temas e cousas emocionantes sobre a película que non puiden evitar asinar. É unha verdadeira honra formar parte de algo da Marvel, pero é moi diferente. Primeiro, non é o meu proxecto, é o de Jake. Ten un alcance e unha escala tan grandes que o tipo de escritura é moi diferente. Ao mesmo tempo, o proceso é o mesmo, sigo falando con Jake todos os días… Coido que unha vez que atopas unha equipa de persoas ás que queres e nas que confías e que teñen tanto talento, fas todo o posíbel por seguir traballando con elas“.

Thunderbolts conta no seu elenco con Julia Louis-Dreyfus no papel da condesa Valentina Allegra de la Fontaine, Florence Pugh coma Yelena Belova, Sebastian Stan coma Bucky Barnes, David Harbour coma Red Guardian, Olga Kurylenko coma Taskmaster, Wyatt Russell coma John Walker, e Harrison Ford coma o Presidente Ross. Os papeis que farán Yeun e mais Ayo Edebiri polo de agora non se deron a coñecer.

En todo caso, Lee ten unha chea de traballo intenso por diante, porque a rodaxe do filme comezará xa neste mes xuño e a estrea está prevista para o 26 de xullo de 2024.