Starfleet Academy, Star Trek para adolescentes

754

A Paramount+ ven de encargar oficialmente o comezo da produción de Starfleet Academy, outra série de televisión dentro da franquía de Star Trek, pero esta vez ambientada na Académia da Frota Estelar e protagonizada polos seus mozos estudantes.

O proxecto, que levaba preto dun ano en desenvolvemento, recibiu onte a luz verde e a Paramount publicou unha descrición da série, na que se suxire, coma era de agardar, que o programa estará dirixido aos adolescentes e terá un tón moito mais de telenovela do que é habitual dentro da saga.

Noga Landau, quen conta con moita experiéncia no eido das séries para adolescentes (The Magicians, Nancy Drew) será a co-showrunner e produtora executiva xunto co xefe da franquía Alex Kurtzman, que sempre ocupa este posto en todas as séries. A parella substitúe a Stephanie Savage e Josh Schwartz, produtores executivos de The O.C., cuxos nomes se filtraran con anterioridade.

Segundo a descrición, Starfleet Academy presentará a un grupo de novos cadetes que se unen para perseguir o soño común de esperanza e optimismo. Baixo a atenta e esixente ollada dos seus instrutores, descubrirán o que se necesita para se converteren en oficiais da Frota Estelar mentres navegan por amizades florecentes, rivalidades explosivas, primeiros amores e mais un novo inimigo que ameaza tanto á Académia coma á mesma Federación.

Esta decisión da Paramount chega xusto despois de que a comezos desta semana se encargaran novas tempadas para Star Trek: Strange New Worlds e Star Trek: Lower Decks, mentres que Picard e Star Trek: Discovery están xa por rematar.

En todo caso, a produción da nova série non comezará até o ano que ven e a súa estrea nas pantallas deberá agardar polo menos até 2025.