No decurso da Star Wars Celebration onte, Kathleen Kennedy, presidenta da Lucasfilm, fixo oficial que James Mangold e Dave Filoni serán os directores de senllas novas películas da saga de Star Wars, uníndo-se deste xeito á xa previamente confirmada de Sharmeen Obaid-Chinoy.
Kennedy desvelou unha nova liña temporal para os proxectos de Star Wars que abranguen nove épocas diferentes: o amencer dos Jedi, a antiga República, a Alta República, a caída dos Jedi, o ascenso do Império, a era da Rebelión, a Nova República, o ascenso da Primeira Orde e mais a nova Orde dos Jedi.
Ademais déron-se a coñecer os detalles das tres películas. A de Mangold explorará aos primeiros Jedi que usaron a Forza e estará ambientada na era mais temporá alcumada o amencer dos Jedi, que ten lugar 25.000 anos no pasado.
Filoni rodará pola súa banda un filme sobre a “escalada bélica entre o remanente imperial e a Nova República” no que denominou un “acontecemento cinematográfico” na liña temporal mandolorián que reúne todas as séries de televisión.
Finalmente, a película de Obaid-Chinoy estará situada quince anos despois de Star Wars: Rise of Skywalker e contará co regreso de Daisy Ridley ao seu papel de Rey, esta vez coa misión de reconstruír a Orde Jedi na derradeira das nove eras.
O segundo proxecto presentado onte foi o da nova série Star Wars: The Acolyte, ambientada moitos anos antes das precuelas. A creadora, showrunner, produtora executiva e directora Leslye Headland foi quen fixo as honras e alcumou á série coma “un encontro entre Frozen e Kill Bill“.
A premisa da série será, segundo dixo, “sobre os malos, está situada entre a Alta República e a era das precuelas e ten moitos Jedi. Isto é de cando os malos están superados numericamente e son os perdedores“.
No elenco estarán asemade Amandla Stenberg, Joonas Suotamo (quen fixo de Chewbacca nos tres últimos filmes no cinema) no papel dun Wookie Jedi, e Lee Jung-jae. A estrea está prevista para o ano que ven na Disney+.