Chegan os Gremlins de debuxos animados

367

A Warner Bros. Discovery ven de anunciar a data do 23 de maio para a estrea de Gremlins: Secrets of the Mogwai, unha nova série familiar de aventuras que servirá coma precuela dos dous filmes orixinais.

A série está ambientada en Shanghai na década de 1920 e narra as aventuras da família Wing cando atopan ao pequeno Mogwai que será coñecido coma Gizmo no futuro. Sam Wing (o señor Wing, dono da tenda no filme) acepta a perigosa tarefa de levar a Gizmo á súa casa nunha viaxe polo interior de China.

Sam e Gizmo van acompañados por unha pillabana adolescente chamada Elle, e xuntos atopan e ás veces loitan contra monstros e espíritos do folklore chinés. Na súa viaxe son perseguidos por un cobizoso empresário industrial e pola súa crecente lexión de malvados Gremlins.

No elenco de voces están Ming-Na Wen, James Hong, BD Wong, Matthew Rhys, Izaac Wang, AJ LoCascio e Gabrielle Nevaeh Green, e entre os actores convidados atópan-se Sandra Oh, Randall Park, George Takei, Bowen Yang e mais o protagonista do filme orixinal, Zach Galligan.

A série conta con Darryl Frank, Justin Falvey e Sam Register coma produtores executivos. Joe Dante, o director dos filmes no cinema, traballará coma consultor.