O servizo de streaming Max, o novo nome da Warner Bros. Discovery, está a desenvolver unha série de televisión baseada na franquía de terror The Conjuring.
Polo de agora non hai moitos mais detalles sobre este proxecto, que aínda non conta cun guionista. Con todo a Max dixo que esta série “continuará a história establecida nas longametraxes” e non será un relanzamento nin un reinício cun persoaxe secundário.
Os tres filmes principais de The Conjuring están protagonizados pola parella de demonólogos composta por Ed e Lorraine Warren (Patrick Wilson e Vera Farmiga) quen investigan e documentan fenómenos sobrenaturais. Non está claro se estes mesmos actores ou os seus persoaxes estarán vencellados á nova série.
Na franquía do cinema inclúe-se ademais á triloxía de Annabelle, The Nun e mais a súa vindeira secuela, e The Curse of La Llorona. Cada unha destas entregas ten lugar ao longo de distintos períodos históricos e diferentes localizacións. Até hoxe todos no seu conxunto recadaron mais de 2.000 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo.
James Wan, o director das dúas primeiras películas e produtor de todas as oito estreadas até agora, podería ser o produtor executivo da série xunto a Peter Safran. A Warner Bros. Television, a Atomic Monster e mais a The Safran Co. están atrás do proxecto.