A guionista e directora Ashley Avis, responsábel do filme romántico sobre cabalos Black Beauty (2020) ven de ser contratada para escribir e dirixir un remake de City of Angels, baseado á súa vez no clásico Der Himmel über Berlin de Wim Wenders de 1987, para a Warner Bros, a Atlas Entertainment e a Perez Pictures.
Esta nova versión do filme fantástico e romántico de Wenders, co que gañou o prémio ao mellor director no festival de Cannes, cambiará o xénero dos protagonistas e irá sobre as andainas dunha anxo da garda que se namora dun home mortal, un senlleiro músico de jazz de Manhattan ao que lle encomendaron vixiar. Este é o segundo remake que se produce co mesmo título de City of Angels pola Warner Bros, despois do que dirixira Brad Silberling en 1998, protagonizado por Nicolas Cage e Meg Ryan, e que foi un grande éxito nos despachos de billetes de todo o mundo.
A Atlas Entertainment de Charles Roven (Uncharted) produciu aquel filme e tamén fará o mesmo coa nova versión, xunto a Rebecca Steel Roven Oakley (Wonder Woman, Wonder Woman 1984), e mais Paul Perez (Dune, Ready Player One, Doctor Sleep) da Perez Pictures.
“Sínto-me honrada e profundamente emocionada de dar vida a esta impresionante história de amor a través dun novo e poético prisma, xunto aos distinguidos produtores Charles, Rebecca e Paul. Traballar coa Warner Bros. nun título tan clásico foi unha das miñas aspiracións durante moito tempo, e estou moi agradecida de atopar nestes parceiros aos campións da nosa nova versión“, dixo Avis nun comunicado.