A flamante gañadora do Oscar á mellor actriz deste ano, Michelle Yeoh, regresará ao seu papel da emperatriz Philippa Georgiou en Star Trek: Section 31, un filme spin-off de Star Trek: Discovery concibido orixinalmente coma série de televisión, pero que finalmente será unha película orixinal para o servizo Paramount+.
Na película, Georgiou une-se á famosa división secreta da Frota Estelar encargada de protexer á Federación por calquera médio necesário, e no proceso enfrónta-se ao seu pasado coma antiga Emperatriz do Império Terrán do Universo Espello. Os veteráns de Star Trek: Discovery Craig Sweeny e Olatunde Osunsanmi serán o guionista e director, respectivamente.
Yeoh participou por primeira vez na série Star Trek: Discovery no episódio piloto e logo en dous episódios mais, pero daquela o seu papel foi o da capitá Philippa Georgiou. Mais adiante na mesma tempada apareceu xa coma a Emperatriz Georgiou e ficou no papel até a metade da terceira tempada, emitida en 2020.
A série da Sección 31 levaba dando voltas dende 2018, con Yeoh vencellada ao proxecto dende 2019, pero seica a ideia non saíu adiante até que agora decidiu-se por converte-la nunha longametraxe. Nun comunicado, Yeoh di:
“Estou mais ca emocionada de regresar á miña família de Star Trek e ao papel que amei durante tanto tempo. A Sección 31 estivo moi preto do meu corazón dende que comecei a interpretar a Philippa no lanzamento desta nova época dourada de Star Trek. Ver que por fin chega o seu momento é un soño feito realidade nun ano que me demostrou o incríbel poder de non renunciar nunca aos teus soños. Non podemos agardar a compartir o que hai na tenda convosco, e mentres tanto, unha vida longa e próspera! (a menos que a Emperatriz Georgiou decrete o contrário)“.
A rodaxe ten previsto comezar a finais deste ano, e o produtor executivo Alex Kurtzman dixo pola súa banda:
“Alá por 2017, antes mesmo de que se emitira a primeira tempada de Star Trek: Discovery, Michelle tivo a ideia de facer un spinoff para o seu persoaxe, Philippa Georgiou. Ela abriu novos camiños como unha das dúas primeiras mulleres en pantalla no episódio piloto para marcar o comezo dunha nova era de Trek, e agora, seis anos despois, a Sección 31 finalmente chega pisando os calcaños da súa última fenomenal vitória. Todos na Equipa Trek no poderiamos estar mais emocionados de que a nosa lendária amiga volva a casa connosco mentres expandimos a nosa narrativa cara novos e inexplorados recunchos do Trekverso. Longa vida á Emperatriz Georgiou; longa vida a Michelle Yeoh“.
Este é polo de agora o mais recente proxecto que se pon en marcha no universo de Star Trek, despois do anúncio da série para adolescentes Star Trek: Starfleet hai cousa dun mes e xusto cando Star Trek: Picard está por rematar a súa andaina, co derradeiro capítulo a emitir esta semana. A segunda tempada de Star Trek: Strange New Worlds pola súa banda chegará en xuño.