A Paramount+ asociará-se coa Paramount Television Studios na adaptación a unha série de televisión da comédia de ciéncia-ficción de culto de 1999 Galaxy Quest.
O proxecto atópa-se nas súas primeiras fases de desenvolvemento e os estudos están arestora á procura dun guionista que traballe con Mark Johnson, o produtor do filme orixinal, quen regresará á série a través do seu selo Gran Via Productions.
A Paramount TV Studios intentara xa desenvolver unha nova versión televisiva do filme en 2015. A ideia vendeu-se á Amazon e o guionista da película, Robert Gordon, encargou-se de escribir a história, que o director Dean Parisot realizaría unha vez mais.
Porén esa versión ficou estancada na fase de desenvolvemento, por mor do pasamento de Alan Rickman e pola difícil axenda de traballo de Tim Allen. Así pois, e após de vários anos de inactividade, agora a ideia regresa, aínda que desta volta cun elenco de actores totalmente novo.
Allen, Rickman, Sigourney Weaver e Sam Rockwell foron as estrelas do filme orixinal, que narraba as aventuras do grupo de protagonistas dunha série de televisión ao estilo de Star Trek, agora en decadéncia. Daquela, uns alieníxenas, que viron a série e a confundiron cun documental, os capturan e lles piden axuda para loitaren contra unha raza de guerreiros extra-terrestres.