A AMC ven de comezar o desenvolvemento dunha terceira série dentro do que alcuman o “Universo Inmortal Anne Rice”. O anúncio, que era agardado dende que hai uns meses deixaran caer algunhas pistas, foi parte dunha presentación oficial da AMC Networks onte en New York.
Após de Interview with the Vampire e mais a popular Mayfair Witches, a nova série estará centrada nos Talamasca. John Lee Hancock (Mr. Harrigan’s Phone) será o seu guionista e showrunner.
Os Talamasca son unha organización secreta que aparece en várias das mais emblemáticas novelas de Anne Rice e está encargada de estudar o mundo sobrenatural e manter aos mortáis a salvo dos seus elementos mais sinistros. A súa primeira aparición nas pantallas foi cando o ex protagonista de Doctor Who Paul McGann interpretou a un membro desta organización no filme Queen of the Damned.
O presidente da AMC Studios, Dan McDermott, dixo que a entusiasmada recepción das dúas séries actualmente en emisión “é un grande sinal do que está por vir neste universo inmersivo. Os Talamasca son un dos elementos mais intrigantes das obras de Rice e un fío condutor a través de moitas das súas histórias. O potencial independente e cruzado desta terceira série é inmenso“.
De saír adiante este proxecto, unirá-se aos outros dous na AMC e a AMC+. As outras dúas séries xa foron renovadas para unha segunda tempada e a súa rodaxe deu xa comezo ou ten previsto face-lo en breve.