Kraven será só para maiores de 18

345

As primeiras imaxes do que será a vindeira película da Sony, o filme da Marvel Kraven The Hunter, puideron ver-se onte no decurso dunha presentación na Sony Pictures CinemaCon en Las Vegas, confirmándo-se asemade que será a primeira cualificada “R”, é dicir, para maiores de 18 anos. Os espectadores describiron as imaxes coma “sanguentas, violentas e feroces”.

No clip, Kraven (Aaron Taylor-Johnson) aparece detendo unha caravana de cazadores furtivos e asasinando aos seus seis integrantes. Nunha escena, arrínca-lle o nariz a un home dunha dentada e cúspe-o á cámara. Noutra, utiliza trampas para ursos para atrapar aos seus inimigos, e noutra mais hai moitas puñadas.

O clip revelou tamén que Rhino, outro dos clásicos viláns de Spider-Man, estará na película con alguén dicindo: “Non queres saber por que me alcuman o Rinoceronte?” mentres se transforma no persoaxe grazas a un soro (en lugar dunha exotraxe).

Tamén confirmou-se que Taylor-Johnson leva a característica chaqueta de pel con cabeza de león de Kraven, pero non-a leva nestas escenas. Nos cómics, o persoaxe é un desapiadado cazador ruso que persigue a Spider-Man como trofeo.

O contrato de Taylor-Johnson obríga-o para várias películas, polo que moi probabelmente haberá continuación. Polo de agora, nesta entrega aparece canda Ariana DeBose, Fred Hechinger, Alessandro Nivola, Christopher Abbott e Russell Crowe.

O primeiro tráiler oficial estreará-se nos cinemas este verán e a estrea está prevista para outubro.