A Amazon ven de confirmar oficialmente as novas anteriormente coñecidas de que van encargar a produción de dúas tempadas da série de debuxos animados creada por Matt Reeves, J.J. Abrams e Bruce Timm, Batman: Caped Crusader.
Ademais deste anúncio, a Amazon producirá asemade un filme de debuxos animados titulado Merry Little Batman e mais a série Bat-Family, ambos provintes da Warner Bros. Animation e a DC. Estas dúas están mais dirixidas a un público mais novo e son comédias de acción para toda a família.
O pasado ano, a HBO Max abandoara os seus plans para producir Batman: Caped Crusader, e o proxecto semellaba morto cando apareceu a Amazon e se fixo cos dereitos en marzo. Nun comunicado, Vernon Sanders, da Amazon, dixo: “Batman: The Animated Series foi pioneira na evolución da narrativa de superheroes e definiu ao Cabaleiro Escuro para toda unha xeración. Batman: Caped Crusader continuará sen dúbida esa tradición e, xunto a Merry Little Batman e Bat-Family, estamos encantados de colaborar coa Warner Bros. Animation para ofrecer unha variedade de versións dos mitos de Batman aos nosos clientes globais de Prime Video“.
O filme Merry Little Batman ten coma protagonista ao neno Damian Wayne, quen se transforma no “cativo Batman” para defender o seu fogar e a Gotham dos falcatruáns que queren destruír as vacacións do nadal. Pola súa banda, Bat-Family presenta a Batman, Alfred e Damian Wayne xunto a uns recén chegados á mansión dos Wayne mentres se van adaptando á súa superfamília.
Jase Ricci, Mike Roth e Sam Register son os produtores executivos da série, mentres que Roth dirixe o filme a partir dun guión de Morgan Evans.