Chris Pine é a mais recente incorporación ao elenco de Wish, o novo filme musical en debuxos animados da Walt Disney, e ven unir o seu nome aos da gañadora do Oscar Ariana DeBose e a Alan Tudyk.
A nova deu-se a coñecer no decurso da CinemaCon que está a ter lugar estes días en Las Vegas e que ten previsto rematar hoxe xoves. Pine, a quen os fans recoñecerán decontado coma o protagonista de Star Trek, apareceu recentemente en Dungeons & Dragons: Honor Among Thieves e Wonder Woman 1984.
Wish conta cun guión de Jennifer Lee e estará dirixida por Chris Buck e Fawn Veerasunthorn. A película xira ao redor dunha pregunta moi meta-cinema: como chegou ao ceo a estrela dos desexos, coa que tantos persoaxes da Disney falan? E a resposta está no reino máxico de Rosas, onde Asha, unha optimista de agudo enxeño que se preocupa pola súa comunidade, se dirixe ao ceo nun intre de necesidade e pide un desexo, que é respondido por unha pequena bóla de enerxía chamada Estrela. Xuntas, unirán as súas forzas para salvar á comunidade.
Pine prestará a súa voz ao rei de Rosas. “O Rei Magnífico necesitaba ser interpretado por alguén que puidera dar todo o encanto, a astucia e mais o carisma a este magnánimo persoaxe, e Chris aporta marabillosamente todo iso e mais“, dixo a guionista Lee.
Wish conta con canzóns orixinais de Julia Michaels e mais do produtor, compositor e músico Benjamin Rice, ademais dunha partitura do compositor Dave Metzger. A estrea está prevista para o día 22 de decembro.