A Story Kitchen e mais o fundador da poncle, Luca Galante, traballarán xuntos para converter o videoxogo cómico de terror gótico e sensación viral Vampire Survivors nunha série de debuxos animados.
O xogo, que está ambientado na Itália rural de 2021, foi descrito coma unha mestura entre Vox Machina e Castlevania, e ten coma protagonistas aos membros da família Belpaese, que queren rematar co reinado de terror do vizconde Draculó. Os xogadores controlan a un persoaxe que ataca automaticamente mentres loita contra continuas ondas de monstros, co obxectivo de sobrevivir ás acometidas o maior tempo posíbel. O xogo gañou numerosos prémios e foi o mellor valorado da Steam en 2022.
Polo momento, os dous parceiros están á procura dun guionista, e logo tentarán vender o proxecto ás canles de televisión. Galante dixo nun comunicado:
“O mais importante en Vampire Survivors é a história, así que é un soño feito realidade ver como o que comezou coma un pequeno xogo independente que eu facía as fins de semana cobra vida coma série de televisión animada. Tamén é xenial traballar con xente tan experimentada e con tanto talento. Aínda que me pregunto se se decatarían de que non hai nin un só vampiro en Vampire Survivors“.
A Story Kitchen foi fundada por Derek Kolstad, o creador e guionista da saga de cans John Wick, e mais polo produtor de Sonic the Hedgehog Dmitri M. Johnson e o axente Mike Goldberg. Esta será a adaptación ás pantallas da tele mais recente da compañía, despois de facer o mesmo con Tomb Raider e Splinter Cell na Netflix, con Toejam and Earl e It Takes Two na Amazon e con Streets of Rage para a Lionsgate.