A actriz Sydney Chandler, quen até agora non contaba con grandes cretos no seu haber, ven de ser anunciada coma a primeira contratación para o elenco de Alien, a nova série de televisión da canle FX baseada no universo do clásico monstro alieníxena.
Chandler fará un dos papéis principais, pero iso é todo o que se sabe polo de agora. A única novidade é que a série non será un recomezo da história, senón que estará ambientada no mesmo universo das películas e que manterá a súa continuidade.
Hai un ano, o xefe da FX, John Landgraf, xa dixera que a série tería lugar antes da história de Ellen Ripley e ao redor duns 70 e tantos anos no noso futuro, o que a situaría no ano 2090, dado que a Alien orixinal ten lugar no ano 2122, mentres que os acontecementos de Prometheus son en 2089 e os de Alien: Covenant en 2104.
A série será a primeira da franquía que ten lugar na Terra, se non incluímos os filmes de Alien vs. Predator. Ademais, Landgraf prometeu que sería “fiel á franquía“, pero asemade “tamén unha valente e orixinal reinvención desa franquía“.
O proxecto foi aprobado para se converter en série a finais de 2020 e está totalmente separado do novo filme independente que dirixirá Fede Álvarez para a 20th Century Studios e que se estreará na Hulu. Isabela Merced e Cailee Spaeny son os seus protagonistas e a produción xa deu comezo.