Karl Urban é Cage en Mortal Kombat 2

470

O actor de The Boys e Star Trek Karl Urban está por asinar o contrato polo que asumirá o papel de Johnny Cage na secuela da adaptación ás pantallas do videoxogo Mortal Kombat, que a New Line estreou en 2021.

O responsábel do filme do ano pasado, Simon McQuoid, regresará á cadeira de director, esta vez cun guión de Jeremy Slater (Moon Knight, The Umbrella Academy). A escea post-cretos xa deixara caer a chegada de Johnny Cage para a nova entrega.

Cage foi un dos persoaxes orixinais do primeiro videoxogo de Mortal Kombat en 1992, e dende aquela converteu-se no favorito dos fans da saga. A súa descrición é a dunha fachendosa estrela do cinema de acción de Hollywood que conta cunha ampla bagaxe en artes marciais.

A película orixinal foi unha adaptación do videoxogo protagonizada por Lewis Tan no papel dun novo loitador chamado Cole Young, xunto a Jessica MacNamee, Hiroyuki Sanada, Joe Taslim, Ludi Lin, Mehcad Brooks, Max Huang, Tadanobu Asano, Chin Han, Sisi Stringer e mais Josh Lawson.

Mortal Kombat foi estreada en abril de 2021 nas salas de cinema e na HBO ao mesmo tempo e mália a pandémia á que aínda lle quedaba moito por rematar, foi un éxito para a Warner Brothers e aínda está entre as películas mais vistas do servizo de streaming da HBO Max dende que debutou.

Para esta ocasión, a Atomic Monster e mais a Broken Road Production serán as compañías produtoras.