Hiddleston e Hamill na vida de Chuck

306

Dous dos actores favoritos dos fans do xénero fantástico, Tom Hiddleston e Mark Hamill, protagonizarán The Life of Chuck, a mais recente adaptación ao cinema dunha obra de Stephen King polo director de Doctor Sleep e Gerald’s Game, Mike Flanagan.

Aínda que a longametraxe está baseada na história homónima publicada na antoloxía de 2020 If It Bleeds, seica o tón será esta vez menos terrorífico e mais próximo a outras adaptacións coma Stand By Me ou The Shawshank Redemption.

A história orixinal narra tres fíos separados pero co vencello común de seren a biografía de Charles Krantz, comezando coa súa morte por mor dun tumor cerebral aos 39 anos e rematando coa súa infáncia nunha casa enmeigada.

O guión completou-se antes de que dera comezo a folga de guionistas convocada polo sindicato WGA e leva en desenvolvemento xa vários meses. Hiddleston fará o papel do protagonista e Hamill será Albie, que na novela é o seu avó.

Ademais das xa mencionadas adaptacións de King ao cinema, Flanagan é o responsábel de várias séries de terror na Netflix, coma a polémica Midnight Mass (que amosa a morte violenta de centos de gatos) ou The Haunting of Hill House, e aínda ten pendente de estrea Fall of the House of Usher, que chegará ás pantallas a finais de ano.

Flanagan dirixe, escribe e produce xunto a Trevor Macy a través da súa compañía, o selo Intrepid Pictures.