O actor mais de moda nestes momentos, o chileno Pedro Pascal (The Last of Us, The Mandalorian), será o protagonista de Weapons, o novo proxecto do realizador Zach Cregger (Barbarian) para a New Line Cinema.
Cregger, ademais de dirixir, é o guionista do filme, cuxo argumento polo de agora non se deu a coñecer alén dalgunhas pistas: seica será unha “epopea de terror interrelacionada de várias histórias“, cun tón que semellará ao da clásica Magnolia que dirixira Paul Thomas Anderson en 1999.
O filme foi obxecto dunha dura poxa o pasado mes de xaneiro, con vários estudos de Hollywood e empresas de streaming loitando por se faceren cos dereitos. O director Jordan Peele tiña tantas ganas de traballar na película que despediu ao seu manager tras non conseguir merca-la. Finalmente, foi a New Line a que gañou a poxa, incluíndo un acordo que garante o seu paso a produción e mais unha estrea nas salas de cinema.
Tampouco se revelaron detalles do persoaxe de Pascal, quen após de abraiar á crítica e ao público en papéis memorábeis en Game of Thrones e The Unbearable Weight of Massive Talent, acadou o seu máximo éxito grazas á sensación da HBO The Last of Us e mais a chegada da nova tempada de The Mandalorian.
Para este proxecto, Cregger será o produtor xunto aos seus parceiros Roy Lee, J.D. Lifshitz e Raphael Margules, e mais a produtora executiva Miri Yoon.