Mais detalles da Babylon 5 animada

394

Após do anúncio hai unha semana do seu creador J. Michael Straczynski, agora xurden mais detalles sobre a nova película de debuxos animados de Babylon 5.

En Babylon 5: The Road Home, viaxaremos pola galáxia con John Sheridan mentres é inesperadamente transportado a través de múltiples liñas temporais e realidades alternativas nun intento de atopar o camiño de volta a casa. No seu traxecto volverá ver algunhas faces coñecidas e descubrirá novas revelacións cósmicas sobre a história, o propósito e mais o significado do Universo.

No elenco de voces que regresan estarán Bruce Boxleitner coma John Sheridan, Claudia Christian coma Susan Ivanova, Peter Jurasik coma Londo Mollari, Bill Mumy coma Lennier, Tracy Scoggins coma Elizabeth Lochley e Patricia Tallman coma Lyta Alexander.

Por suposto, vários membros do elenco orixinal finaron nos últimos anos, así que as voces dos seus persoaxes foron para outros actores. Entre eles, Anthony Hansen será o novo Michael Garibaldi, Phil LaMarr é o doutor Stephen Franklin, Andrew Morgado é G’Kar, Rebecca Riedy é Delenn e Paul Guyet fai de Zathras e de Jeffery Sinclair.

Tamén están a bordo Piotr Michael coma David Sheridan e Mara Junot en vários papéis menores. Straczynski escribiu o guión do filme e será o seu produtor executivo, mentres que Matt Peters (Batman and Superman: Battle of the Super Sons) é o director.

A Warner Bros. Animation e a Warner Bros. Discovery Home Entertainment queren estrear a película xa para este verán, pero a data concreta aínda está por determinar.