En marcha a secuela de Freaky Friday

562

A Disney quere regresar ao mundo de Freaky Friday, e de feito está xa a preparar unha secuela desta clásica comédia fantástica de intercambio de corpos que protagonizaron Lindsay Lohan e Jamie Lee Curtis en 2003.

Agárda-se que ambas repitan os seus papéis de nai e filla que espertan un día e descubren que intercambiaron os seus corpos. Elyse Hollander está a escribir o guión.

Freaky Friday estaba baseada na novela homónima de Mary Rodgers de 1972, e no seu día recadou 160 millóns de dólares en todo o mundo. Dirixida por Mark Waters a partir dun guión de Heather Hach e Leslie Dixon, converteu-se axiña nun fenómeno cultural ao que Curtis fixo referéncia en todas as súas aparicións perante a prensa ao longo dos seguintes anos. O filme é o sinónimo do subxénero e foi obxecto de moitas homenaxes, coma a recente película de terror Freaky da Blumhouse, de 2020.

Nunha entrevista co xornal The New York Times, Curtis dixo: “Algo me tocou a fibra sensíbel. Cando volvín, chamei aos meus amigos da Disney e lles dixen: ‘Seica hai unha película por facer’“.

Esta secuela significaría o regreso ao cinema de Lohan, quen nos anos 2000 estaba considerada coma unha das grandes estrelas da era, e que pouco a pouco desapareceu das pantallas até que o ano pasado asinou un contrato coa Netflix para facer dúas novas películas.