A nena Violet McGraw (12), quen enmeigou aos espectadores do recente éxito de terror M3gan, formará parte do elenco protagonista de A Wonderful Way with Dragons, un filme independente escrito, dirixido e producido por Delfine Paolini, quen fará deste xeito o seu debut atrás das cámaras.
A Wonderful Way with Dragons conta a história dun grupo composto por tres nenos, tres rapaces e mais un sinistro amigo, posibelmente imaxinário, abandoados nunha misteriosa illa despois de que unha pandémia destruíra o mundo. A súa loita por sobreviviren palidecerá fronte aos seus desexos individuais por cadaún dos outros e por se faceren co poder.
Ademais de McGraw, o elenco está composto por Ben Ahlers (Chilling Adventures of Sabrina); Miguel Angel Garcia, Taylor Geare (Inception), Donnie Masihi, Ian Foreman (Let the Right One In) e mais Theodore Dalton.
“Escribín este guión ao comezo da pandémia, cando a fraxilidade da sociedade se fixo dolorosamente evidente. Quería explorar o que é o que mantén unida a unha sociedade“, dixo Paolini. “A civilización comeza cando os indivíduos dunha comunidade se apoian mutuamente. Cando se perde o desexo de se axudar os uns aos outros, a sociedade desintegra-se“.
O filme busca expresar que a civilización, coa súa moral e as súas convencións, pode desaparecer, deixando só unha morea de imaxes rachadas. “Espero que a película verbalice o efecto ao illamento, e do doado que é desmantelar unha sociedade de nenos“, engadiu Paolini.
Urs Hirschbiegel, Paolini, Adam Lukens, Russel Cramer, Gautam Kadian e Sarah Rosen serán os produtores, e Rene Bastian o produtor executivo. A rodaxe ten previsto comezar este verán en New York.