Após da súa constitución oficial coma asociación cultural a finais do pasado ano, o Obradoiro Dixital Galego presentou cunha nota de prensa aos médios o seu proxecto, que ten como obxectivo a difusión e o apoio á creación de contido dixital en galego.
A ACODG é un proxecto asociativo creado co obxectivo de promover, difundir e axudar á creación de contido dixital en galego nos seus distintos formatos, sexa streaming, vídeo ou podcast, e engloba ás tres comunidades xa existentes de creación de contido, Podgalego, Twitch en galego e YouTube en Galego, sen renunciar á posibilidade de acoller ás que poidan xurdir nun futuro. Entre estas tres comunidades suman máis de 800 canles indexadas de contido en língua galega.
Os principais obxectivos da ACODG como asociación son as de crear, rexistrar, promover e difundir o contido en galego en calquera das súas normas ortográficas; constituír-se en comunidade e punto de encontro de persoas creadoras de contido en galego e fomentar a colaboración; defender a língua galega e o seu uso en todos os ámbitos, asumindo un papel activo na normalización do idioma, e traballar pola non discriminación por causa de xénero, raza, cultura ou orientación sexual na comunidade en galego en liña.
Para levar a cabo estes obxectivos, o Obradoiro Dixital Galego manterá rexistros actualizados de canles e persoas creadoras de contido en galego para visibiliza-las e promove-las, e asesorará e prestará asistencia a persoas creadoras de contido ou con intención de se iniciaren na actividade de creación de contido dixital en galego. Tamén fomentará a colaboración establecendo redes de cooperación con centros educativos, asociacións dinamizadoras da língua, médios de comunicación e outras institucións para realizar campañas, eventos públicos, cursos e outro tipo de iniciativas co obxectivo de promover o uso, o consumo e a produción de contidos dixitais en língua galega en todos os ámbitos sociais.
“Vimos de crear o tecido asociativo necesário para mudar o ‘eu’ polo ‘nós’ no tocante á creación de contido, e unificando forzas medrar máis e con máis afouteza e orgullo do noso, mirando cara á Galiza do futuro”, en palabras do presidente actual da asociación, Francisco Bermúdez, mais coñecido coma Fran da Lobeira.
A ACODG está presente agora mesmo nas principais redes sociais: Twitter, Facebook, Instagram e Mastodon, nas plataformas de creación e difusión de contido –YouTube, Twitch, Discord– e mais na páxina web de seu.