Batalla entre mundos na selva do Amazonas

131

A falida cidade industrial de Henry Ford na selva amazónica será o miolo dunha nova série sobrenatural da televisión brasileira. Fordlândia – Battle Between Worlds está a ser desenvolvida pola Diosual Entertainment coa ideia de comezar a produción o ano que ven. A guionista brasileira Paula Richard e mais o director gañador dun Emmy Rogério Gomes (Empire, Edge of Desire) están xa a bordo do proxecto, que conta con Guto Colunga coma produtor executivo.

Aínda que a Diosual é a responsábel, a intención é asinar un acordo de coprodución cunha compañía americana.

A elección do elenco de protagonistas está aínda nas súas primeiras fases, pero xa hai vencellada unha estrela americana de alto nivel, vários actores brasileiros e mais tres nenos que interpretarán os papeis principais de Ceuci, Jovita e Emily.

Fordlândia rodará-se en inglés, pero tamén con diálogos en portugués e mais en mundurucus, a língua local dos indíxenas que viven na conca do Amazonas.

En 1928 o multimillonário Ford construíu unha moderna cidade que seguía os costumes e mais a cultura americanas na beira do río Tapajós, preto da cidade de Aveiro, para producir caucho e rematar co monopólio inglés sobre este material. Mália dos benefícios en infraestruturas e calidade de vida, a povoación local rebelou-se contra as condicións e finalmente non se chegou a fabricar caucho, polo que a família Ford devolveu os terreos ao governo brasileiro con enormes perdas en 1945.

A guionista Richard dixo que Fordlândia será “unha aventura épica onde os feitos históricos se mesturarán coa ficción, a máxia e a realidade“, e engadiu: “é unha história sobre a amizade e a toleráncia, sobre como unidos somos mais fortes. Trata de como persoas con orixes diferentes e crénzas distintas poden aprender unhas doutras, uníndo-se para preservar o equilibrio e a natureza. É sobre medrar nun mundo aterrador, desvelando a forza interior e a afouteza para cambiar as cousas, e de como o amor ten o poder de rachar coas fronteiras físicas e temporais, revelándo-se como a maior arma contra o mal“.

As novas en calquera caso chegan nun intre no que o governo de Lula está a explorar a posibilidade de regular a indústria do streaming no país e investir no seitor audiovisual do país. As autoridades de São Paulo queren ademais reabrir un plan de incentivos fiscáis para atraer investimentos internacionais.