O paquistaní Kumail Nanjiani (Kingo en Eternals) e mais a cantante e actriz Mandy Moore (Southland Tales) protagonizarán Thread: An Insidious Tale, unha longametraxe spin-off da franquía sobrenatural de Insidious, se ben os estudos a alcuman polo de agora coma “un proxecto derivado” que non seguirá a narrativa dos filmes principais.
A história vai sobre unha parella que viaxa atrás no tempo coa axuda dun feitizo, para deste xeito evitar a morte da súa filla cativa. As consecuéncias porén serán moito peores do que agardaban.
Jeremy Slater, o co-creador de Moon Knight e The Umbrella Academy, dirixirá a partir dun guión que el mesmo escribiu, mentres que James Wan e Jason Blum producirán para os seus respectivos selos da Blumhouse e a Atomic Monster. A Screen Gems, unha filial da Sony, tamén produce.
Polo momento o proxecto aínda non conta cunha data de comezo da rodaxe, pero en todo caso será a sexta entrega da saga de Insidious, cuxos catro primeiros filmes recadaron 542 millóns de dólares en total, mentres que o quinto, Insidious: The Red Door, chegará ás salas de cinema a partir do 7 de xullo, co regreso de dous dos protagonistas orixinais (Patrick Wilson e Ty Simpkins) repetindo os seus papéis de pai e filla.